GUILLERMO PARDO / Inspiradas en Rosalía de Castro, Xurxo Lobato amosa no Kiosco Alfonso 57 fotografías de espazos polos que transitou a escritora, de cuxo nacemento cúmprense 180 anos este 24 de febreiro. Airiños aires, Rosalía, que así se denomina a exposición, supón o primeiro gran acto de homenaxe á escritora que se celebra en Galicia con tal motivo.

A mostra, que xa pasou por Lugo, Santiago, Vigo, Ferrol e Pontevedra, iniciou o seu percorrido con medio cento de fotos, ás que se incorporaron na Coruña outras sete do propio Lobato e os retratos coñecidos da escritora, depositados na Real Academia Galega, excepto o de María Cardarelly, que garda a Fundación Rosalía de Castro.

Acompañando as fotos hai un texto do historiador Carlos Castelao, con reseñas dos fotógrafos que retrataron a Rosalía: Palmeiro, Sellier, Encausse e María Cardarelly. Tamén unha mostra con fondos das bibliotecas municipais da Coruña na que poden verse partituras sobre obras de Rosalía, e libros como un exemplar da primeira edición de Cantares gallegos (1863) e unha edición arxentina de 1943 de El caballero de las botas azules, cun debuxo e Luís Seoane. Como complemento, uns manuscritos de Rosalía conservados no Arquivo Municipal da Coruña, entre eles o do poema Adeus ríos, adeus fontes.

Materia e inmateria

A exposición fotográfica divídese en dous eixos. Por unha banda, espazos onde habitou Rosalía e, por outra, paisaxes que influiron na súa poesía e na súa narrativa: as campás de Bastabales, as torres de Catoira, as brañas de Dodro ou a carballeira de San Lourenzo.

Mais no Kiosco Alfonso non só se expón material gráfico. Nas fotos de Xurxo Lobato hai máis cá materia da que están feitos os camiños polos que transitou a escritora fundacional das nosas letras contemporáneas. Está a inmateria que cada mirada percibe nos obxectos, captados polo fotógrafo con concienzudo labor.

Aí están o frío do ceo de Castela pese ao sorriso dos trigais ao sol, o silenzo dos chapiteis do pazo do Arretén, a orfandade das escaleiras do fogar familiar da coruñesa rúa do Príncipe, o soño eterno da cama da Casa da Matanza, o afogado son dos pés femininos en zapatos negros ateigados de choiva sobre ás rúas de Compostela, os rostros pétreos e sereos da poeta…

Xurxo Lobato

O detalle é arte cincelado píxel a píxel na fotografía de Xurxo Lobato. “Quixen recrear de maneira evocadora e nostálxica o miña forma de ver e entender o mundo rosaliano”, sinala o fotógrafo desde o outro lado da liña telefónica, para aclarar deseguido que a preminencia do branco e o negro e a ausencia doutras cores permitenlle interpretar o ambiente do seculo XIX e reforzar a sensación de pasado.

Toda a exposición fotográfica é un cúmulo de referencias rosalianas, un xogo entre artistas no que un aproveita a linguaxe visual para tentar transmitiren a fondura emocional que o outro plasmou coa escrita. A intención de interacción por parte do fotógrafo é unha constante de Airiños aires, Rosalía.

“Tentei conciliar a miña creatividade coa visión persoal dunha figura histórica”

As fotos están feitas en días grises, ao atardecer, durante a invernía, con árbores sen follas. Non hai case rastro do sol. “Busquei unha atmosfera melancólica, que o espectador identifique con Galicia. O contrapunto o pon a Simancas da Castela que tanto chamou a atención da poeta pola súa paisaxe e a súa luz, tan distintas das galegas”, relata Xurxo Lobato.

Outra das características das súas imaxes nesta exposición é a ausencia de persoas, un aspecto que o autor xustifica coa intención de dar “unha sensación de atemporalidade, con mínimas referencias personais ao momento actual”. E cando aparecen, as personas vense desdebuxadas, en silueta. O fotógrafo recorre deste xeito a unha forma de representaren ambiguamente a humanidade no tempo de Rosalía, xa que non ten protagonismo no tempo actual.

Xurxo Lobato

Relecturas de textos rosalianos, reflexións, viaxes, conversas, consellos, aprendizaxes, tres anos de traballo… deron corpo a Airiños aires, Rosalía, un proxecto case cinematográfico: “Tentei conciliar a miña creatividade coa visión persoal dunha figura literaria histórica. Buscaba un tipo de luz, un ambiente, dar protagonismo a aspectos que penso tiñan relación con ela”, rememora Xurxo Lobato.

Un proxecto case cinematográfico de Xurxo Lobato

O propio autor sinala, como parte dese intento de interactuación, algunhas chiscadelas que, como pingas, salpican parte das súas fotos. As tomadas en Santiago, por exemplo, están feitas en días de choiva, coa pedra mollada, como homenaxe ás fotos históricas de Luís Ksado.

E, por suposto, nas fotos rosalianas de Xurxo Lobato hai sombras, moitas sombras, referencia obrigada en todo traballo vencellado á escritora. Son sombras lobatianas, loito sobre negro, coma as que miran o granito do Pórtico da Gloria. Estremecedoras.


Ficha técnica
Título da exposición: Airiños aires, Rosalía
Fotografías: Xurxo Lobato
Entidades impulsoras: Obra Social “la Caixa”, Fundación Rosalía de Castro
Entidades colaboradoras: Concello da Coruña, Real Academia Galega
Lugar: Kiosco Alfonso
Horario: De luns a domingo, de 12 a 14 e de 18 a 21 horas
Clausura: 19 de marzo