IAGO FANDIÑO / A realidade de Xośe Duncan transcorre entre a fantasía, o terror e a ciencia ficción. Este escritor coruñés conta con obras que mostran unha axilidade narrativa e un estilo que debulla entre a literatura e o cine, o que o converten nun dos referentes galegos do xénero. Na actualidade compaxina o seu labor de escritor coa de editor na web Lermos, un espazo cultural sobre literatura galega.

A súa nova novela, Negruña, mistura distopía e fantasía histórica. Ambientada nunha alternativa Coruña do futuro, preséntanos unha historia na que a codicia, os cartos e a clase política empodrecen a unha sociedade cansa, que xa non aguanta máis presión. Sen dúbida, unha gran crítica do presente no que vivimos.

Quen queira coñecer máis desta obra poderá escoitar ao propio autor na presentación esta tarde, ás 20 horas, na libraría Moito Conto. Un acto no que tamén participará o editor de Urco Editora, Tomás González.

– Como describirías a túa novela?
– Tomás González Ahola, un dos editores de Urco, describiuna como postapocalíptica, e non lle falta razón. Mais eu penso que Negruña é a narración do Apocalipse en tempo real. Sitúanos nunha Coruña alternativa no futuro, que a mete de cheo no xénero das distopías, nun momento no que o mundo está a colapsar por mor da incapacidade humana de frear a súa cobiza, malia que iso implique destruír o planeta no que vive. Asistimos, tamén, a un circo patético formado por políticos e empresarios que, para variar, non fan outra cousa que aproveitarse da miseria e da decadencia da cidadanía para acadar máis poder ou, cando menos, manter o que teñen.

– É entón un agoiro do noso propio futuro?
– Estou convencido de que si. Como dicía antes, é un futuro levado ao extremo, ou iso espero, e con personaxes moi dramatizadas e caricaturizadas. Porén, quen lea a novela identificará sen problema certos comportamentos dos nosos políticos e mandatarios. A min mesmo pasoume mentres a escribía. Nalgún que outro capítulo, mentres pensaba que excentricidade se lle podía pasar pola cabeza ao alcalde negruñés, aparecían titulares reais nos xornais que superaban as miñas ideas máis disparatadas.

– Que alternativa cres que tería que tomar a sociedade para non chegar a ese punto?
– Quizais poida soar radical, mais a alternativa debería pasar por un cambio moi fondo. A ningún de nós se nos permitiría nos nosos traballos nin a metade das ineptitudes, por non falar de comportamentos puníbeis, que cometen os que están no poder. Non son da opinión de que un mero cambio de cor ou de pel poida facer que o lobo sexa menos perigoso para a cidadanía. Esta mesma fin de semana estaba a estudar coa miña filla a historia de Grecia e, se imos ás definicións literarias dos sistemas políticos, non nos debería caber dúbida de que vivimos nunha aristocracia, non nunha democracia. Mentres manden os aristócratas…

A cobiza, sen límites

– Porque nos cega a cobiza?
– Está na natureza do ser humano. Todos queremos máis, sempre, sen límite. Os que estamos abaixo podémonos contentar con mercar un móbil de última xeración, pero se levamos iso ao nivel da xente que gaña ao mes o que nós nun ano, imaxínate onde poden estar os límites. A cobiza non nos cega, simplemente non ten límites. E todos sabemos o que aconteceu en moitos momentos da historia da humanidade cando os que mandan non teñen límites.

– Volvendo á novela, que ten de especial Negruña?
– Penso que a combinación dese escenario distópico cunha trama de fantasía histórica. Esta novela é a que máis traballo de documentación ten de todas cantas escribín. Os alicerces desa trama histórica son unha serie de capítulos en flashback que nos levan á Rusia de 1916 nos derradeiros días de vida de Rasputín, ao castelo de Santo Antón da Coruña no século XVIII, á Alemaña de 1944 para asistirmos aos experimentos da Sociedade Thule cos prisioneiros soviéticos ou á India dos tempos da Compañía Británica. Esa conxunción de acontecementos reais, deformados o necesario para encaixar coa trama do futuro, fan de Negruña unha novela que nos leva a viaxar desde o noso pasado, máis ou menos recente, até ese futuro, non tan afastado, que nos debuxa esa Coruña hipotética.

– Que é o que máis vai sorprender ao lector?
– A identificación dos espazos. Negruña está dividida en distritos que se corresponden cos barrios de toda a vida. Temos xente que vive na Agra do Orzán, nos Cantóns, no Ensanche; hai reunións secretas no monte de San Pedro, contrabando de licor café desde a Rúa Cega até o Campo da Rata, e moito máis. Malia que non sexa imprescindíbel para gozar da súa lectura, non podo negar que para calquera que viva na Coruña ten un valor engadido.

[box style=”4″]

“En Negruña a xente non só te mira mal se non vas vestido dun determinado xeito, mesmo te considera prescindíbel e iso lle da pé ao concello a clausurar distritos”

[/box]

– Entón, que diferencias e similitudes hai entre a Negruña da novela e A Coruña real?
– No meu maxín, gustaría de crer que hai moi poucas diferencias. Máis que nada porque baseeime non só na Coruña actual senón na que existía cando eu cheguei a esta cidade, hai xa máis de corenta anos. Daquela, a división dos barrios, tanto social como económica e cultural, era enorme. Eu non me movín da Agra até que cumprín catorce anos, e as miñas primeiras achegas ao centro, aos Cantóns, eran como se visitase outra cidade, case outro mundo. En Negruña márcanse moito máis esas diferenzas, xaora. Lévanse ao extremo. A xente non só te mira mal se non vas vestido dun determinado xeito, cun determinado nivel; mesmo te considera prescindíbel e iso é o que lle da pé ao concello negruñés a clausurar distritos, a extirpar barrios enteiros da cidade. Supoño que, nas miñas aspiracións de crear a mellor novela posíbel, caín no mesmo imaxinario que moitas outras obras de ciencia ficción social, mais non sei se será culpa miña ou que o ser humano é tremendamente predecíbel.

– Falando de ciencia ficción, estase a producir un rexurdimento do xénero en Galicia?
– Gostaríame crer que si. O certo é que unha editorial como Urco, que apostase directamente polo xénero fantástico, era moi necesaria. Aínda lembro a Feira do Libro de Lalín de hai tres anos. Na caseta había numerosos volumes traducidos ao galego de Poe, Lovecraft ou Jack London, e algún que outro exemplar de autores galegos, que co tempo se convertiría na liña Alcaián. Este ano, na Feira do Libro de Compostela, tiven a inmensa sorte de compartir espazo con Ramón Caride, Antonio M. Fraga, Cris Pavón, Fernando M. Cimadevila, Tomás González Ahola, Roberto A. Rodrigues, Andrea Barreira Freije ou María Alonso, entre outros. Todos eles, autores con varios volumes publicados dentro desa liña editorial e cunha gran calidade. Podemos presumir non só dun rexurdimento, senón que, ademais, contamos cunha plataforma que dá saída ao xénero.

-Tamén es un dos membros da web Lermos. Desde a dobre perspectiva de escritor e editor, cara onde vai a literatura galega?
-Eu son pesimista por definición. Temos por diante unha guerra moi dura e non teño fe en que vaiamos gañar. Hai demasiados factores implicados: autores, editoriais, librarías, federacións, concellos ou deputacións. Cada un coas súas propias teimas e eivas. As crises caracterízanse por separaren as diferentes faccións, por forzar a que cada unha loite para sobrevivir. Por iso interesan tanto as crises. Só se conseguirmos organizarnos e funcionar conxuntamente lograremos construír a maquinaria precisa para que, primeiro, o galego non desapareza da narrativa xeralizada e normalizada, e, segundo, gañar lectores.