CORUÑA MAGAZINE / “As vítimas da represión franquista seguen loitando para que se faga xustiza, e aínda que morran serán seus fillos e seus netos os que sigan loitando, por iso temos que acompañar esta loita, non pensemos que pode tardar anos, pensemos nos anos que pasaron sen que se fixera nada”.

Son palabras pronunciadas por Ana Messuti, avogada da querela arxentina, durante a presentación da conferencia que ofrecerá hoxe mércores, 14 de decembro, xunto ao exmaxistrado Carlos López Keller, sobre Os dereitos das vítimas do franquismo. O acto está organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña en colaboración co Foro Cívico.

“As vítimas xa reciben o recoñecemento no momento en que se admite a querela e son chamadas a declarar”, explicou Messuti, que engadiu que “cada vítima ten seu propio obxectivo de xustiza: unhas que se abran as fosas, outras que se saiba a verdade…”.

A avogada e o maxistrado criticaron a interpretación da fiscalía española sobre as leis nacionais e sinalaron as contradicións entre a aplicación das leis españolas e as leis universais.

A querela arxentina suma máis de 300 querelantes e un cento de denuncias que se poden tramitar desde calquera consulado arxentino no mundo

“Temos todos os elementos de universalidade neste caso, a universalidade dos dereitos e a dos crimes de lesa humanidade. O que o dereito penal español lles quitou ás vítimas debe devolverllo a xustiza internacional”, abundou Messuti, antes de indicar que a Querela Arxentina suma máis de 300 querelantes e un cento de denuncias que se poden tramitar desde calquera consulado arxentino no mundo.

Por último, resaltou o papel das asociacións memorialísticas e dos concellos en apoio á querela.

Ana Messuti, que entre outras organizacións ten traballado nas Nacións Unidas en Viena e en Roma, é a avogada da querela interposta en Arxentina contra los crimes do franquismo por familiares de vítimas e asociacións de defensa dos dereitos humanos.

A conferencia terá lugar ás oito desta noite na Casa Museo Casares Quiroga, na rúa Panaderas de A Coruña.