GUILLERMO PARDO / A psicóloga Ana Torres Jack, orientadora educativa e máster en medios de comunicación, vén de publicar unha guía de estratexias para previr a desigualdade de xénero e a violencia machista desde a familia. Máis aló do azul e do rosa, que así se titula o manual, está editado por Editorial Galaxia e vai ser presentado o 1 de febreiro na libraría Moito Conto, e sete días despois, na libraría Biblos, de Betanzos.

De onde vén o costume de que os nenos vistan de azul e as nenas de rosa?

Vén de principios do século XX, de Estados Unidos, que foi cando comezou a moda de usar tons pasteis para vestir aos nenos (ata ese momento adoitaban ir de branco). O curioso é que nos anos 20 usábase con máis frecuencia o rosa para os nenos (por ser unha cor “máis decidida e forte”) e o azul celeste para as nenas (considerado “máis delicado e refinado”). Aínda que eran os grandes almacéns os que decidían que cor asignar a uns e outros. Cuestión de marketing… O importante era vender, igual que hoxe en día. A concepción actual, rosa para nenas e azul para nenos, xeneralizouse nos anos 40, aínda que en España non foi ata os 80. Podemos comprobalo mirando as fotos da infancia das nosas nais e pais, avós e avoas… É moi probable que aparezan vestidos de branco sen distinción: unha cor moito máis doada de lavar con frecuencia sen risco de perder a tintura.

Que motivou que escribises este manual?

Comezou cunha chamada sorprendente (e ilusionante) que recibín de Francisco Castro, o actual director de Editorial Galaxia. Ese mesmo día saíra en La Voz de la Escuela (o suplemento educativo de La Voz de Galicia, onde escribo unha páxina semanal dende hai 20 anos) un artigo meu sobre o machismo entre adolescentes. Díxome que lle encantara o meu texto, e preguntoume se me animaba a publicar coa súa editorial un manual para nais e pais sobre esa temática. Por suposto díxenlle que si, que sería un pracer.

“A desigualdade de xénero está na base da violencia contra as mulleres”

A desigualdade de xénero é condición necesaria para que se produza violencia contra as mulleres?

Non é que sexa condición necesaria, é que a desigualdade de xénero está na base da violencia contra as mulleres. Non hai que pensar que eses agresores son uns tolos, enfermos ou drogadictos. Son homes que se cren superiores ás mulleres e por tanto que están no seu dereito de facer con elas o que lles veña en gana. Mesmo matalas.

A tarefa de previr a desigualdade e a violencia desde a familia é inxente, mesmo abrumadora. Por onde empezamos?

Non estou de acordo con esa afirmación… Nin é inxente nin é abrumadora. É como se nos rendemos á hora de ofrecer unha alimentación sa aos nosos fillos e fillas porque pensamos que é misión imposible: tantas chuches ao seu alcance, tanta publicidade de alimentos calóricos e a pizzería da esquina… Para educar en igualdade hai que poñer as bases dende o principio e transmitir uns valores e unhas actitudes coherentes co modelo que lles ofrecemos como pais e nais. Por iso a pregunta non é “Por onde empezamos?”, senón “Cando empezamos?”. E a resposta é: “No berce… e incluso antes”. Porque xa nos formamos diferentes expectativas cando sabemos o sexo do noso futuro bebé. E iso xa é unha discriminación para esa persoa que aínda non naceu.

As influencias e os referentes sociais e culturais son incontables. As xeracións pasadas probablemente tiñan menos onde reflectirse porque tiñan menos información, polo tanto era máis sinxelo asimilala, e descoñecían as redes sociais. Pode ser o exceso de información un problema para educar correctamente?

É un reto, dende logo que si. Pero hai que estar aí. Pais e nais temos que poñernos as pilas para non deixar en mans da publicidade, dos videoxogos ou dos intereses do mercado o labor de transmitirlles a nenos e nenas a idea de masculinidade e feminidade. Para ser un home atractivo hai que ser duro e musculado? E para ser unha muller con éxito tes que ser guapa, delgada e ter moito peito? Non os limitemos deste xeito tan inxusto para ambos sexos.

“Hai que fomentar que os nenos e as nenas crezan conectados ao mundo real antes que ao virtual”

 

Como atallar o constante bombardeo de ruído audiovisual que reciben os nenos?

Primeiro de todo, fomentando que crezan conectados ao mundo real antes que ao virtual. Neste senso é importantísimo o contacto dende os primeiros anos de vida coa natureza: a terra, as plantas, as árbores, o barro, o vento… E retrasarlles o máximo posible a interacción coas pantallas (televisións, tablets, ordenadores, smartphones…). A Asociación Americana de Pediatría as desaconsella de todo antes dos 3 anos de idade. E logo, as conexións con limitacións e supervisión constante. Se non deixamos aos nosos fillos menores de idade pasear sos por determinados barrios da nosa cidade, como podemos deixalos ao seu aire diante da pantalla? Hai bastantes máis perigos que na rúa, pero os vemos tan quietiños diante da pantalla que tendemos a pensar que todo está baixo control.

desigualdade de xénero

Entramos no terreo da comunicación, da escoita, da observación, do diálogo, da linguaxe positiva… Demasiados ámbitos que abarcar e quizá demasiada complexidade afectiva. Ves necesaria a creación xeralizada de escolas para aprender a ser pais?

Dáse un paradoxo curioso. Os pais e nais de hoxe en día de Occidente son os máis informados da historia da humanidade: saben o que é a disciplina positiva, a educación emocional, o ciberbullying, a dislexia ou o TDAH… Pero tamén están máis inseguros ca nunca. Séntense confusos con tanta sobreinformación, desorientados polos cambios sociais e tecnolóxicos tan vertixinosos (“na miña época o meu pai tería arranxado o problema cun bo bofetón”) e estresados cos horarios laborais abusivos que lles impide dedicar tempo de calidade aos fillos. Así que as escolas de pais e nais, ou mesmo as guías prácticas como esta que acabo de publicar, si creo que poden ser de axuda.

“Debemos denunciar machismos e ensinar aos nosos descendentes a detectar e combater esas inxustizas”

Estereotipos, prexuízos e actitudes machistas son aprendizaxes interiorizadas que se repiten xeneración tras xeneración. Como nos reeducamos para evitar caer nos mesmos erros?

Non é exactamente así: avanzamos moito nas últimas décadas, parece que a nosa mentalidade adáptase con facilidade aos cambios e os asume con normalidade. Pero a miña avoa, que morreu o ano pasado, tivo que lle pedir permiso ao meu avó para sacarse o carné de conducir. Foi por certo unha das primeiras conductoras de automóbil na Coruña. E miña nai, ata o ano 1981, necesitaba a autorización do meu pai para abrir unha conta bancaria, facer o pasaporte ou asinar un contrato de traballo. Evidentemente avanzouse moito da xeración da miña avoa a da miña nai, e á miña. O que temos que evitar é o estancamento, e por suposto o retroceso, con eses prexuízos e estereotipos machistas dos que falas. Así que a resposta a túa pregunta é: para evitar seguir caendo nos mesmos erros debemos rebelarnos, denunciar machismos, homes e mulleres, e ensinar aos nosos descendentes a detectar e combater esas inxustizas.

Na familia, os pais son os referentes. Os roles adoitan estar definidos: quen toma as decisións importantes, quen fai según que cousas e como se resolven os conflitos. Nenos e nenas absorben todo o que ven e escoitan, e o imitan. Como enfrontamos o cambio de papeis sen confundir? Un exemplo: na urbanización, todas a mulleres que coñecemos preparan a comida de cotío. Como lle explicamos aos fillos que ese convencionalismo é discriminatorio, vai contra a igualdade e pode ser causa de violencia machista?

Xa é raro que no contexto actual atopemos situacións nas que as mulleres de toda unha urbanización preparan a comida de cotío: os datos demostran que as tarefas da casa están moito máis repartidas, aínda que por desgraza seguen a recaer máis nas mulleres (dúas horas máis de media) traballando fóra da casa e todo. Aos fillos, máis que explicarlles como debe ser o reparto de tarefas ou a relación de igualdade entre homes e mulleres, hai que ofrecerlles un bo modelo. E iso esixe dar exemplo, preparándolles para que saiban que por desgraza non en tódalas familias existe esa igualdade entre todos os seus membros, aínda que iso sería o xusto.

Poñer o foco na xente que loita pola igualdade e parar ou ignorar aos que xustifican ou minimizan a violencia sexista, axuda a desmontar estereotipos

Como se desmontan estereotipos nunha sociedade que gusta dos tópicos e que moitas veces utiliza as redes sociais e publicacións de todo tipo de maneira agresiva e escasamente empática?

Poñendo o foco na xente, homes e mulleres que loitan pola igualdade e parándolles os pés (ou simplemente ignorando) aos que aínda xustifican ou minimizan a violencia sexista. Soen ser homes que dalgunha maneira se senten prexudicados pola lei de igualdade e, en efecto, soen mostrarse moi agresivos parapetados baixo o anonimato que lles permiten as redes sociais.

As cualidades de masculinidade e femininidade apréndense e acaban convertíndose en condicionantes sociais. Quizá exemplos prácticos os atopamos nos contos clásicos coma Brancaneves ou a Cincenta, sinalados como sexistas. Pensar que a lectura deses contos tería que acompañarse de explicacións contra estereotipos pode ser desmotivador e mesmo esgotador. Algunha solución máis sinxela que non pase por convertir aos ananiños en ananiñas?

Carapuchiña Vermella foi unha irresponsable e actuou como unha parva deixándose enganar polo lobo. Menos mal que logo apareceu o fornido cazador que foi quen tivo que resolverlle a papeleta a ela e mais a súa avoa, que tampouco mostrou ningunha habilidade para defenderse.

É evidente que os estereotipos sexistas están moi presentes nas narracións populares, pero esa non é ningunha razón para prescindir da súa utilidade didáctica. Ao contrario: poden utilizarse e converterse en estupendos recursos para fomentar a actitude crítica dos nosos pequenos invitándolles a reflexionar e pensar un pouco. Por exemplo: qué personaxe che gustaría ser?, por qué?, qué finais distintos se che ocorren?; e se cambiamos o argumento e Carapuchiña, co seu inxenio, salva ao cazador de morrer a mans do lobo? Todos os que temos fillos pequenos na casa sabemos que lles encanta xogar coas historias e divertirse dando renda solta a súa imaxinación.

“Non é necesario saber o que é a empatía para ensinar aos fillos a ser empáticos. O importante é dar bo exemplo e facer o esforzo por educar sen estereotipos”

A empatía e un elemento clave na educación pola igualdade e contra a violencia machista. Como uns pais que non saben o que é poden ensinar aos seus fillos a ser empáticos?

Non é necesario saber o que é a empatía para ensinar aos fillos a ser empáticos e poñerse no lugar do outro. ¡Para nada! Todos coñecemos persoas con maior capacidade de conectar cos demais, de comunicarse ou de mostrar sensibilidade hacia as necesidades dos outros. Pero iso é algo que non aprenderon na universidade. O importante, unha vez mais, é dar un bo exemplo e facer un esforzo por educar sen estereotipos.

Quizá parte da solución estea na escola. Sen embargo, os currículos vanse vaciando de contidos humanísticos e sociais…

Dende logo que si. As escolas levan anos traballando co seu alumnado temas de igualdade, coeducación e prevención da violencia de xénero. Pero dun xeito pouco sistematizado e ao marxe do currículo a través das titorías, da voluntariedade do profesorado…. Debería darse nunha asignatura dun xeito obrigatorio para todo o alumnado. Teño que decir que, dende este ano, na Comunidade de Galicia existe a nova materia “Igualdade de Xénero” como optativa en 1º e 2º de ESO. E iso é un indudable avance.

Todas as recomendacións que fas na guía son importantes para alcanzar os obxectivos que se propoñen: educar na igualdade de xénero a nenos e nenas. É posible que moitos pais non teñan fácil poñelas todas en práctica. Cales son básicas e fundamentais para empezar con bo pé.

Para empezar con bo pé, como dis ti, o ideal é propoñerse fuxir de estereotipos no momento que sabemos que imos ser pais ou nais. A partir de aí, evitar que a nosa filla creza pechada nun mundo cor rosa, asociado á beleza, a coquetería e a dozura, ou que noso fillo se sinta obrigado a evitar actividades, afeccións ou intereses considerados “de nenas”. A partir de aí, o sentido común fará o resto do traballo.