Coruña Magazine / Nihil é o nome dunha cidade imaxinaria, máis tamén o do primeiro número do fanzine colectivo editado pola Asociación Cultura Tinta Bacanal, que se presentará mañán, venres 23 de decembro, en Alita Cómics (Orzán, 94, A Coruña), nun acto no que os lectores poderán falar con algúns dos autores desta novedosa publicación.

Este de Nihil é un proxecto fuxitivo da Asociación Cultural Tinta Bacanal que naceu como marco para desenvolver unha gran historia entre varios autores, e que rematou dando o salto ao cómic.

Polo momento, catro escritores (Cristina Botana, Manuel Moledo, Fernando Pérez e Javier Peteiro) e cinco debuxantes (Sandro K. Noël, Ricardo González, Aarón Fernández, Cynthia Alonso e Adrián García Suárez) foron elexidos para contar os primeiros personaxes e historias da Cidade, unha urbe imposible, un ente vivo, tal vez, a cuxa vontade só é posible renderse.

Autores e debuxantes de Nihil

F. Javier Peteiro Cruz (A Coruña, 1980). Actualmente profesor de instituto en Pontevedra, estudou Historia en Santiago de Compostela. Adicto á ficción baixo calquera forma, ás veces consegue facer fronte á preguiza e deixa por uns momentos de escoitar, ler ou ver historias para conseguir contar unha propia. Atópase traballando na súa primeira novela.

Cristina Botana (A Coruña, 1984) é arquitecta de profesión, máis interesada nas casas de cartón que rodean a cidade. Amante do creativo e entusiasta das letras ás veces atrévese cunha folla en branco. Foi vista en varios proxectos que conxugan ambas as facetas e está a piques de mudarse a unha tinaxa no centro de Nihil.

Fernando Pérez Barral (A Coruña, 1985). É un tragasables frustrado, unha úlcera sanguenta agrioulle o carácter e agora bebe o café sen azucre. Adicto á celulosa, tenta abrirse camiño no mundo dos libros. Nas súas horas de soño fai que escribe.

Manuel Moledo (Outes, 1977) Biólogo e consultor de profesión, improvisador a tempo parcial, pallaso de forma habitual, ama contar historias. Publicou ‘As aventuras de Margaret White’, primeira novela do xénero steampunk en galego, e publica regularmente a revista pulp Contos Estraños, así como en varios medios físicos e dixitais. Actualmente está a traballar na súa segunda novela.

Cynthia Alfonso Barreiro (Vigo, 1988) estudou Belas Artes na Facultade de Pontevedra. A día de hoxe forma parte do fanzine Taiga e colabora en diferentes publicacións e exposicións nacionais e internacionais.

Fuxidos e arruinados

Sandro K. Noël, aka ‘Syr’ (Vigo, 1989) Fuxindo da faceta de artista contemporáneo outorgada pola facultade de Belas Artes refúxiase no cómic, onde sempre quixo estar e onde empeza a estar a gustiño. E aí comeza a aventura do noso heroe.

Aarón Fernández Martínez (Vigo 1990). Debuxante arruinado, sen amo, sen honra, nin fogar; vagaba polos canellóns do vello mundo ofrecendo os seus lapis ao mellor ofertante, ata que foi nomeado concelleiro de urbanismo da cidade de Nihil.

Ricardo González (Ourense, 1989). Estudou Belas Artes e un máster en Concept-art e modelaxe 3D para videoxogos. Cowboy do espazo que busca facer realidade as súas máis escuras fantasías, dispara antes de preguntar e non atende a razóns. Actualmente traballando nun exército de criaturas 3D que dominarán o mundo, mentres tanto tontea co cómic, a ilustración e o deseño de personaxes…

Adrián García Suárez (A Coruña, 1990). Ilustrador recén saído do forno de Belas Artes, con moita faragulla e cuberto de chocolate. Cando logra deixar a súa adicción de consumidor empedernido de animación ten o poder de converter o doado en difícil, pois a todo se lle pode engadir textura. Longa vida ao horror vacui!


Nihil
Guión: F. Javier Peteiro Cruz, Cristina Botana, Fernando Pérez Barral, Manuel Moledo
Debuxo: Cynthia Alfonso Barreiro, Sandro K. Noël, Aarón Fernández Martínez, Ricardo González, Adrián García Suárez.
Autoeditado
Branco e negro . Rústica. 38 páxinas. 5 euros