CORUÑA MAGAZINE / A vindeira semana iniciarase na Coruña a proxección en cines de The Rebel (O rebelde), calificada como a primera ópera folk-rock creada en Galicia. Este espectáculo conta a historia de Pádraig Pearse e o alzamento de Pascua en Irlanda en 1916.

Con The Rebel (O rebelde) ponse en marcha un proxecto único e multidisciplinar no que están implicados artistas e profesionais da música, o teatro, o cine, as artes gráficas e a creatividade dixital.

Cunha duración de 72 minutos, a ópera representa parte da vida do poeta, mestre e avogado Pádraig Pearse, interpretado por Fernando Dacosta, posuidor de tres premios de teatro María Casares.

O seu personaxe interactúa co público nas pezas teatrais, dirixidas por Elena Seijo, integrante de Sarabela Teatro. Interveñen tamén na obra Javier Octavio de Toledo, Mela Casal, Iván Caride ou as bailarinas do grupo Irish Treble, entre un amplo cadro de profesionais.

“The Rebel” estrearase na Coruña e proxectarase noutras cinco cidades galegas

En 2016, con motivo do centenario do alzamiento de Pascua en Irlanda, Iván e Miguel Caride desenrolan a primeira ópera folk-rock feita en Galicia. Contan para este fin con Óscar Doviso na dirección cinematográfica.

Por entón estréase no Ourense International Film Festival a curtametraxe O rebelde, que narra cunhas pinceladas a figura de Pádraig Pearse. Actualmente, está seleccionada para a edición deste ano do festival Primavera do Cine.

A rodaxe da curtametraxe foi feita íntegramente en Galicia, concretamente no mosteiro de Oseira, na costa de Loiba e en Goiáns, emulando as paisaxes e localizacións de Irlanda e París de comezos de século.

The Rebel (O rebelde), cuxas entradas están xa á venda, proxectarase nas seguintes cidades e salas:

A Coruña: 5 de maio, estrea no Auditorio Sede A Fundación

Santiago: 11 de maio, Auditorio Sede a Fundación

Ourense: 12 de maio, Auditorio Municipal (sala azul)

Vigo: 18 de maio, sala de conferencias Sede A Fundación

Ferrol: 25 de maio, Auditorio Sede A Fundación

Lugo: 26 de maio, Auditorio Sede A Fundación