CORUÑA MAGAZINE / Volve A Radio Conta, un formato de emisión en directo que o vindeiro 3 de xaneiro reunirá por cuarto ano a emisoras da Coruña nunha iniciativa solidaria conjunta, nesta edición a beneficio da Asociación Agalure.

No ano 2013, A Radio Conta pasou a formar parte da historia das transmisión radiofónicas en España ao converterse no primeiro programa de radio en unir sete emisoras públicas e privadas na cidade da Coruña para realizar unha emisión solidaria en conxunto.

A cuarta edición desta iniciativa ten como beneficiaria a Asociación Agalure, que loita e educa contra a ludomanía e outras adiccións sen substancia desde hai máis de 20 anos na Coruña.

Profesionais de Radio Galega, RNE, Radio Coruña-Cadena SER, Onda Cero, RadioVoz, Radio Marca e COPE volverán formar unha redacción única, nun programa en directo que contará coas actuacións de Cántigas da Terra, Curtis e Teixeiro (Xosé Antonio Touriñán e Fede Pérez), Sés, Os da Ría e Sito Sedes e convidados especiais como Paco Lodeiro, Martiño Rivas ou os “envidiados especiais”, xornalistas galegos no exterior como Arturo Lezcano, Xaime Arias e Sabela Romar.

Solidaridade contra a ludomanía

Esta nova emisión solidaria de A Radio Conta terá lugar no Teatro Rosalía de Castro o martes 3 de xaneiro entre  as 17.30 e as 20 horas. A entrada é libre, con donativo voluntario, ata completar a capacidade.

A iniciativa está aberta a colaboracións nunha fila cero, a través do número de conta da asociación: ES67 2100 5827 0002 0004 5904 (La Caixa).

Con motivo da presentación da nova edición de A Radio Conta, Agalure informou de que no que vai de ano déronse de alta na asociación 41 persoas afectadas por algún dos trastornos contra os que dedica a súa actividade. Aínda que ten cambiado nos últimos anos, o perfil dos afectados que pasan polas consultas da entidade responde ao dunha persoa de 34 anos de media con problemas patolóxicos co xogo.

Trátase dunha persoa solteira, con estudios secundarios, emprego fixo, bebedora e fumadora. O 10,9% das personas recibe tratamento por outras adiccións o problemas coma o consumo de alcohol. O 100% ten dificultades para controlar o gasto.