CORUÑA MAGAZINE / Recuperar e conservar o pasado para entender o presente e preservar no futuro a memoria do barrio. Esta é a esencia de Pantasmas, unha iniciativa que ven de poñer en marcha a Asociación Veciñal de Oza, A Gaiteira e Os Castros.

Na web que serve de soporte dixital ao proxecto cóntase cales son os fins e os obxectivos de Pantasmas, denominación que trata de achegar ao lugares, institucións, servizos, experiencias e mesmo lembranzas dun pasado colectivo que a asociación veciñal trata de recuperar para preservar do esquecemento o patrimonio común.

Aí están, a modo de exemplos, as barcas que cruzaban pasaxeiros desde As Xubias ata a praia de Santa Cristina, un servizo con cinco séculos de historia que se recorda porque non hai vinte anos que deixoi de prestarse, ou a Escola Sal Lence, o Ideal Cinema, o Corralón da Gaiteira ou o río Monelos, división natural entre A Coruña e a parroquia de Oza cuxa historia recolle Ángeles Huerta nun documental de recente estrea.

O programa Pantasmas inclúe tres festas da memoria e unha proxección de películas históricas de Foto Blanco

Co propósito de interesar á veciñanza no relato colectivo do pasado do barrio organizáronse para os días 3, 10 e 18 de xuño tres festas da memoria, cadansúa dedicada as pantasmas da Gaiteira, dos Castros e de Oza. Conversas, concertos, proxeccións e mesmo un xantar popular son algúns dos eventos incluidos na programación.

Pantasmas

Premer para ampliar e gardar

Entremedias, o 5 de xuño visionaranse no Fórum Metropolitanos películas históricas de Foto Blanco, restauradas polo Centro Galego de Artes da Imaxe e datadas en 1930, sobre o sanatorio de Oza, a praia de Riazor e a chegada do hidroavión Dornier.

O proxecto Pantasmas amplíase cun obradoiro da memoria, sustentado graficamente en fotos antigas coas que se creará un mapa testemuñal das consecuencias que a expansión da cidade deixou no barrio trala fusión, en 1912, dos municipios de Oza e A Coruña.

Completa a web un espazo no que se explica a procedencia da documentación e mesmo se comparte con investigadores, educadores e persoas en xeral as fontes e os contidos sobre os que se está a traballar na asociación de veciños.

A mesma entidade organizou a finais do ano pasado, no Fórum Metropolitano, unha exposición sobre a Granxa Experimental de Monelos, un dos centros da vangarda científica en España.


Foto: Praia do Lazareto, coa capela no lateral / Alberto Martí / redeoza.org