CORUÑA MAGAZINE / MediaMapa.gal é un novo proxecto de investigación e coñecemento dos medios de comunicación existentes en Galicia que tenta ofrecer a profesionais, investigadores e cidadáns en xeral un instrumento útil e sinxelo para explorar a realidade mediática galega actual.

A iniciativa está promovida por Cruz Negreira, xornalista e doutoranda en Comunicación e Información Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade centra as súas investigacións no desenvolvemento dos medios de proximidade na rede, máis concretamente dos medios hiperlocais, en Galicia e no conxunto do Estado. En MediaMapa.gal difunde parte destes resultados, que se enmarcan noutros proxectos realizados no grupo de investigación Novos Medios da USC.

O elemento principal do sitio é o Mapa dos Medios Galegos, no que se pretenden recoller todas as iniciativas mediáticas activas na Comunidade a través dun mapa interactivo no que os usuarios poden localizar, coñecer as características básicas e acceder a cada un destes medios.

MediaMapa.gal é froito dun continuo traballo de observación e seguimento dos medios galegos, onde non só se recollen os tradicionais e máis consolidados, senón que tamén se rexistran aquelas iniciativas locais e cidadás que nacen decotío na nosa Comunidade. Polo tanto, MediaMapa.gal é tamén un proxecto de investigación cuxos resultados se publicarán en aberto e de forma periódica no sitio.

MediaMapa, observación e coñecemento

O proxecto promovido por Cruz Negreira desenvólvese ao abeiro da bolsa Nacho Mirás para Novos Titulados, creada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, patrocinada por Abanca e en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.

Amais do Mapa dos Medios Galegos, nesta web poden consultarse outros directorios de medios de comunicación tanto no ámbito territorial galego coma no do resto do Estado. No primeiro caso ofrecense enlaces coa Asociación de Medios en Galego, co Directorio de Periódicos Online (Galicia), coa Guía de Comunicación da Xunta de Galicia, coa Guía de Medios do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, co Observatorio dos Medios Galego e co Observatorio Cidadán de Comunicación.

A nómina complétase cunha ampla relación de directorios e guías de medios de gran parte de España, elaboradas tanto por iniciativa de organismos públicos como de entidades privadas. Entre eles figura un mapa de medios de comunicación do terceiro sector produto da investigación Los jóvenes y el tercer sector de la comunicación en España.

Parte de MediaMapa.gal é o informe Os medios de comunicación en Galicia. Unha realidade completa e diversa na procura de novos modelos, que inclúe un breve repaso polas dúas últimas décadas dos medios en Galicia e os principais resultados da primeira versión do Mapa dos Medios Galegos, datos sobre a proximidade geográfica das publicacións, o idioma en que están escritas, tipos de medios, soportes ou temática que tratan.