CORUÑA MAGAZINE / A Academia Galega do Audiovisual convoca os premios María Luz Morales para promover a investigación científica no ámbito audiovisual. Desde esta primeira edición, estes premios contarán con catro modalidades que atenderán traballos de videoensaio e ensaio escrito, de ámbito galego e internacional.

Nesta iniciativa, a primeira destas características en Galicia, participan as catro deputacións galegas.

A convocatoria dos premios María Luz Morales pretende avivar o interese polos estudos sobre o audiovisual ofrecendo ás persoas estudosas e investigadoras a posibilidade de facer os seus traballos tanto en formato audiovisual como escrito. O prazo para a presentación de traballos comezará o 15 de decembro e finalizará o vindeiro 7 de maio.

As modalidades do premio son:

Vídeoensaio sobre audiovisual galego
Ensaio escrito sobre audiovisual galego
Videoensaio sobre audiovisual internacional
Ensaio escrito sobre audiovisual internacional

Cada unha destas categorías estará dotada con 1.200 euros de premio e un galardón.

María Luz Morales dirixiu o xornal La Vanguardia

María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona 1980) foi escritora e xornalista especializada na crítica de cine e de teatro. Dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario nacional.

Nesa época, na que firmaba os seus artigos baixo o seudónimo de Felipe Centeno (baseado nun personaxe de Benito Pérez Galdós), a productora Paramount Pictures interesouse polo seu traballo. Tras unha entrevista con ela (de quen descoñecían que fose unha mujer) foi contratada pola produtora estadounidense como responsable da asesoría literaria das súas películas, e, coa chegada do cine sonoro, das tarefas de tradución e adaptación dos seus diálogos.

Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller á actividade xornalística e intelectual na España do século XX. Mantivo a actividade xornalística ata os 91 anos de idade.

No acto de presentación da primeira edición dos premios Maria Luz Morales participaron os responsábeis das áreas de Cultura das Deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo, Goretti Sanmartín, Xosé Leal e Pilar García, o concelleiro de Culturas da Coruña, José Manuel Sande e o presidente e a tesoureira da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares e María Yáñez.