GUILLERMO PARDO / 25 de xullo. Día de Galicia, da nación, da patria e da terra que contribuiron a agrandar sobranceiros bos e xenerosos que cómpre lembrar para non esquecer as raíces e a historia da que estamos feitos. 

Un deses bos e xenerosos foi o doutor Gumersindo Sánchez Guisande, un avanzado e adiantado á súa época que tivo unha vida intensa e difícil por mor do convulso tempo que lle tocou en sorte.

O compostelán Gumersindo Sánchez Guisande foi un personaxe polifacético que destacou en moitas das súas actividades, ben como profesor de Anatomía, pediatra, inventor, historiador ou político militante do Partido Republicano Radical Socialista, do que foi concelleiro en Zaragoza, e de Izquierda Republicana.

As súas filiciacións masónica e política obrigaron a este fillo ilustre de Compostela a fuxir cara a Arxentina logo de que os militares comandados por Franco se sublevasen contra a República, de cuxo goberno no exilio foi representante en varias ocasións.

Cartilla sanitaria para cativos

Antes desa etapa obrigatoriamente separado da terra, o doutor Gumersindo Sánchez Guisande fixo un labor médico e social merecedor de que o Consello da Cultura Galega o inclúa no seu Álbum da Ciencia, destacando o seu pulo á creación de institucións de protección á infancia en Compostela, como as Mutualidades Maternales, La Gota de Leche e a consulta de nenos de peito, aspecto este que o levou a publicar en 1921, con Víctor García Ferreiro e José María Mora, o opúsculo Consulta de niños de pecho en Santiago.

Un ano despois da publicación desa obriña diseñou unha cartilla para o control sanitario infantil, un avance moi significativo para a época que permitía levar un rexistro amplo e exhaustivo dos antecedentes, vacinas, accidentes, enfermidades e mesmo do réximen alimenticio durante os primeiros anos dos nenos.

Gumersindo Sánchez Guisande

Dedicatoria da cartilla diseñada polo doutor Sánchez Guisande

La historia de mi niño, que así titulou o doutor o seu “breviario”, leva a seguinte dedicatoria: “Para las madres”, na que anota: “[…] he pretendido reunir en él cuanto merece anotarse de la vida del niño. Así tendréis la historia sucinta de vuestro hijo, con la cual volveréis a vivir los días felices de su infancia […]”.

A súa preocupación pola pediatría levouno a inventar un biberón dosificador rexistrado co nome Gelwe, acrónimo coa letra inicial dos nomes dos membros da súa familia: el mesmo, a súa muller Elisa e os seus fillos, Luciano, Wenceslao e Elisa. O obxecto era “solucionar el problema de la sobrealimentación, causa de la excesiva mortalidad de niños en nuestro país, y evitar la hipoalimentación que tantos estragos causa”.

Xabrón Ram, para evitar o uso doméstico da lixivia de sosa

Con número de expediente 98.258, o liberón Gelwe foi patentado polo doutor o 1 de xuño de 1926, segundo consta no Anexo 1 do libro Gumersindo Sànchez Guisande: maestro de enseñanza y de vida, de José Luis López Casamayor, rexistrado na Biblioteca da Universidad de Zaragoza, de cuxa Facultad de Medicina foi decano entre 1932 e 1936.

O Consello da Cultura Galega reseña tamén no apartado do Álbum da Ciencia dedicado ao médico compostelán que este rexistrou en 1928 o xabrón Ram, para lavar a roupa con augas salobres e de mar, que “evitaba la utilización de la lejía de sosa en las necesidades domésticas, por lo que se evitan innumerables intoxicaciones y quemaduras, especialmente en los niños, y en algunos casos hasta la muerte”.

Perseguido e destituido como catedrático, os bens de Gumersindo Sánchez Guisande foron requisados

Tralo levantamento militar contra a República, Sánchez Guisande foi perseguido e destituido como catedrático e decano. Os seus bens, biblioteca incluida, foron requisados. Estivo agachado en Zaragoza, Santiago e Vilagarcía, de onde conseguiu pasar a Lisboa e embarcar cara a Buenos Aires, cidade á que chegou o 31 de outubro de 1936 e na que viviu ata o seu falecemento.

Os tres fillos do seu matrimonio con Elisa Fernández de la Vega (tía da exvicepresidenta María Teresa Fernández de la Vega), que coa súa xemelga Jimena está considerada a primeira muller en estudar nunha universidade galega, quedaron coa familia ata que, en 1948, trasladáronse á capital arxentina.

Gumersindo Sanchez Guisande

Retrato de Sánchez Guisande

A etapa bonaerense do doutor non foi doada. Separado forzoso da terra, da patria e da familia, tivo que traballar como practicante sanitario para estudar Medicina e revalidar o título de médico, que lle permitiu volver exercer como pediatra no Sanatorio do Centro Gallego, do que foi director médico. Traballou para as universidades de Buenos Aries e Cuyo (Mendoza), nas que desempeñou diversos cargos.

Impulsou a Escola de Anatomía Cirúrxica da Man e o Laboratorio de Anatomía Funcional na localidade de Ituanzigó, provincia de Buenos Aires; foi un dos fundadores da hoxe denominada Asociación Argentina de Anatomía, participou na creación do Instituto Politécnico de Protección al Emigrante Español, no que se impartían clases gratuítas co obxectivo de elevar o nivel de preparación dos emigrantes españois, e na fundación do Hogar Gallego para Ancianos, xunto con outros exiliados como Antonio Baltar e Luís Seoane.

Amigo e médico de Castelao

Como tantos outros que tiveron que marchar ao exilio, Gumersindo Sánchez Guisande formou parte do movemento galeguista e republicano e colaborou nas numerosas actividades sociais e intelectuais dos diversos centros galegos e do Centro Republicano Español.

Foi un dos oradores na multitudinaria homenaxe que se tributou en 1944, no Prince George’s Hall de Buenos Aires, a Castelao pola publicación do Sempre en Galiza, e dirixiu o tratamento da enfermidade que acabou coa vida do político galego. Logo, foi o encargado de embalsamar o seu corpo e de pronunciar o panexírico necrolóxico no cemiterio da Chacarita por encargo do Goberno da República no exilio.

Sánchez Guisande foi un dos doutores que trataron de salvar a vida de Castelao, afectada por unha grave doenza pulmonar. Rodolfo Prada contou con detalle a Otero Pedrayo, nunha carta datada o 20 de febreiro de 1950, os derradeiros días do pai do nacionalismo galego.

“Os dous esgotaron tódolos recursos da ciencia, os dous a visitalo de día e de noite, os dous a sofrir co seu ilustre enfermo”

Escribe Rodolfo Prada: “Nos longos meses da súa enfermedade eu tiven o privilexio de escoitar os latexos máis fideles do seu corazón, espresado en verbas… xuicios sobre dos homes e acontecimentos, xeito de ollar o pasado e o presente, visión do futuro… ¡Canta grandeza de alma! ¡Qué reititude de conduta! ¡Qué fe no mañán! ¡E canta ilusión, amor e ternura postas na Terra!”.

Así contou Prada a Otero Pedrayo o papel dos médicos que atenderon ao autor de Sempre en Galiza: “O Dr. Pastor, xunto co profesor Sánchez Guisande, atendéu costante e garimosamente a Castelao durante todo o curso da súa enfermedade. Os dous esgotaron tódolos recursos da ciencia médica, os dous a visitalo de día e de noite, os dous a sofrir co seu ilustre enfermo. E os dous actuando xenerosamente, pois os dous se negaron a percibir honorarios. Os dous merecen a gratitude eterna da patria galega.“

O doutor non quería volver a España mentres o xeneral Franco seguise no poder

Sobre a preocupación constante do doutor compostelán polo paciente, afirma: “Connosco ían sempre Virxinia e o meritísimo profesor compostelán Gumersindo Sánchez Guisande, pra quen todos temos de vivir agradecidos pola costancia e abnegación con que o atendéu día e noite, pola ternura con que lle pechóu os ollos, pola enteireza de ánimo que tivo de se impoñer pra o embalsamar sin mutilación algunha, con método especial que preserva o seu corpo íntegro pra que a súa sagra Terra o acoche no seu seo, tal como entróu no sono eterno”.

Durante a década de 1950, Gumersindo Sánchez Guisande puido volver a España para ocupar a cátedra que tivera que deixar, mais rexeitou a oferta que se lle fixo alegando que non volvería mentres Franco estivese no poder. Logo, en 1970, o claustro da Universidade de Zaragoza acordou colocar na galería dos decanos da Facultade de Medicina o seu retrato, o único que faltaba por motivos políticos.

En 1998, o Concello de Santiago colocou na casa onde nacera, na Avenida de Raxoi, unha placa como homenaxe.


Texto publicado orixinalmente en Coruña Daily News o 25 de xullo de 2016