GUILLERMO PARDO / O barrio de Monelos tivo ata 1964 un dos centros científicos vangardistas de España, desde o que se difundieron por Galicia e Asturias as técnicas agrícolas máis novedosas do momento.

A primeira granxa agrícola experimental de Galicia, xerme da investigación agropecuaria na comunidade e antecesora do actual Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, ocupaba unha extensión de 16 hectáreas entre Monelos, A Milagrosa e a segunda fase de Elviña.

Aquel proxecto foi un foco de ciencia básica e aplicada, de dinamización social e de sensibilización ambiental antes de que o medio ambiente fose unha preocupación colectiva e un motivo de divulgación científica. Os traballos desenvolvidos na Granxa Experimental de Monelos fixeron posible avances tan importantes como a creación da raza rubia galega, os avances en fitopatoloxía ou o cultivo do lúpulo.

Una exposición organizada no Fórum Metropolitano pola Asociación de Veciños Oza-Gaiteira-Os Castros e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda permite coñecer de primeira man a historia daquel centro científico pioneiro en Galicia, que tivo as súas orixes nunha iniciativa da Deputación da Coruña promovida en 1884, catro anos antes de que a granxa fose recoñecida oficialmente.

técnicas agrícolas

Tríptico que resume parte da historia da granxa, que ocupaba terreos de Monelos, A Milagrosa e Elviña

O organismo provincial encargou a peritaxe e taxaciónn de tres fincas: unha en Betanzos, outra en San Pedro de Nós donada por vía testamentaria exclusivamente para ese fin por Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina, e unha terceira ubicada no lugar de Muiños, nas brañas de Monelos. A finalmente elegida foi esta última, propiedade de Luciano Puga Blanco, avogado coruñés que defendeu nos tribunais a Curros Enríquez tras seren acusado de herexe pola Igrexa.

Como o dono non quixo vender a finca -chamada a Horta do Xeneral, taxada en máis de 400.000 pesetas- e a Deputación tentou alugala ao arrendador, o litixio cheguo ata o Congreso dos Deputados. Tras varios anos de desacordos, contenciosos e disputas políticas, o proxecto saíu adiante e a granxa escola experimental de Monelos puido comezar a súa andaina.

A Coruña, porta de entrada das técnicas agrícolas

Por mor desta iniciativa, A Coruña convertiuse na vía de entrada das innovacións nos eidos agrario e gandeiro. Un dos logros más salientables do centro foi a creación dunha raza de vaca que se axustase ás necesidades da ganadería galega da época. Esas necesidades estaban relacionadas con darlle unha orientación leiteira ao animal, fronte a priorización da carne. As investigacións realizadas cunha selección do mellor gando galego e o cruce coa raza suiza simmenthal deron como resultado a creación da raza rubia galega.

A introducción do cultivo do lúpulo, importado de Gran Bretaña, supuxo outro dos fitos máis relevantes da Granxa Experimental de Monelos. A planta empézase a dar en Galicia coa axuda da familia Rivera, propietaria de Estrella Galicia, que a utilizou para a fabricación da súa cervexa.

O complexo agrogandeiro foi trasladado a metade do século pasado a Guísamo, por mor da construcción da avenida de A Vedra (Alfonso Molina), e de aí ás instalacións de Mabegondo que ocupa hoxendía.

A exposición do Fórum Metropolitano, que se cerrará o luns 14 de novembro cunha charla do biólogo e estudoso da historia da ciencia en Galicia Xosé Antón Fraga, supón unha achega fundamental para o coñecemento da iniciativa científica que fixo posible a modernización das técnicas da agricultura e a gandeiría en Galicia.

técnicas agrícolas

Unha das fotos históricas que forman parte da exposición do Fórum Metropolitano

Labor informativa e divulgativa

Así o recoñece o propio Xosé Antón Fraga, director do Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega, quen destaca non só o traballo científico senón o labor de información e divulgación que fixeron os rectores da granxa desde os seus comezos para mellorar a forma de vida dos agricultores.

A Granxa Experimental de Monelos foi o primero centro científico de Galicia relacionado co agro. Por entón non había en Galicia outra institución de ciencia de tanto rango, agás a Universidade de Santiago. Por que se instalou un centro agrario nun núcleo urbán? Fraga asegura ao respecto: “Porque entón os centros de investigación agraria ubicábanse nas grandes cidades”.

A granxa non só se dedicou a experimentar con plantas e animais. O traballo de formación dos agricultores ocupaba unha parte importante das súas actividades. De feito, contaba cunha Cátedra Ambulante que se desprazaba por pobos e aldeas para explicar a agricultores e gandeiros como traballar con proveito. “Os coñecementos non se difundían en conferencias de expertos, senón que con diálogo, charlas e prácticas explicábaselle á xente do campo como se podan as árbores ou como se utilizan determinados aparellos”.

Esa foi unha das claves do éxito da Granxa Experimental de Monelos, onde se creou, en 1920, a primeira escola de peritos agrícolas de Galicia.

Un espazo marabilloso

Que queda daquel lugar? Amais dos resultados do labor feito, dos traballos documentados e do fondo fotográfico dixitalizado que en parte pode verse na exposición do Fórum, quedan as lembranzas de persoas coma o Fraga cativo: “Para nenos coma min naquel tempo era un espazo marabilloso porque non era estrictamente un lugar de produción agrícola. Había campos de cultivo, camiños, edificios… Había tamén un campo de fútbol para equipos modestos, A Granxa, onde vin xogar a Amancio Amaro antes de que o fixera no Deportivo e no Madrid, a Pellicer… A Granxa era un lugar mítico do fútbol modesto. Estaban Riazor e A Granxa”. Fraga apunta tamén que no ano 1931 unha parte dos terreos que ocupaba o complexo empregáronse para as dependencias da Casa Cuna.

A exposición do Fórum Metropolitano repasa, gráficamente, algúns dos fitos máis importantes dun centro que é parte importante da historia da Coruña, e que xa facía divulgación científica moito antes de que se creasen a Universidade ou os Museos Científicos Coruñeses.