GUILLERMO PARDO / A produtora DangaDanga Audiovisuais ten previsto participar en festivais de cine españois e europeos co documental Esquece Monelos, que vén de acadar catro candidaturas aos Premios Mestre Mateo 2017 e cuxa preestrea tivo lugar o pasado 14 de decembro no Teatro Rosalía Castro.

A Academia Galega do Audiovisual outorgou á película dirixida por Ángeles Huerta e producida por DangaDanga Audiovisuais catro nominacións. Esquece Monelos é finalista nas categorías “Mellor documental”, “Mellor montaxe” (Sandra Sánchez), “Mellor dirección de fotografía” (Jaime Pérez) e “Mellor música orixinal” (Sergio Pena), distincións que poñen o acento na factura técnica da longametraxe.

Gaspar Broullón, produtor executivo de DangaDanga Audiovisuais, resalta a satisfacción de todo o equipo que traballou na película, pero tamén a sorpresa por teren acadado estas nominacións, “reservadas habitualmente a obras de ficción”, sinala a través do teléfono.

“Estamos moi contentos e sorprendidos. A nosa principal preocupación -sinala- era que a historia estivese vestida de forma cinematrográfica. O documental parte dunha idea persoal que a directora plantexa sobre a perda da memoria e como o río sirve de metáfora para explicala.

Había que traballar moi fino. Sandra Sánchez, a montadora, fixo un labor excepcional; Jaime Pérez, o director de fotografía, demostra a súa sensibilidade e unha creatividade bestial, e Sergio Pena fixo moito con moi pouco coa banda sonora, pois nun proxecto documental o orzamento e as necesidades para a música son tan poucas que Sergio o soubo compensar moi ben. Certamente, o nivel de factura de Esquece Monelos é moi elevado”.

“A nosa principal preocupación era que a historia estivese vestida de forma cinematográfica. Certamente, o nivel de Esquece Monelos é moi elevado”

Debe ser moi satisfactorio que a Academia Galega do Audiovisual conceda tantas nominacións…

É unha honra que os compañeiros da Academia se teñan fijxado no traballo de Esquece Monelos. É para estar orgullosos. A partir de agora, para nós o auténtico premio vai ser lograr unha boa distribución para chegar ao maior número de xente posible.

Esquece Monelos

Ángeles Huerta, a directora

Cabe supoñer que a película vai ser presentada en festivais para que acade o máximo recoñecemento e proxección…

Sí, en efecto. Agora estamos na etapa de selección de festivais en España e en Europa, aínda que non sabemos en cais imos participar. Nos próximos meses agardamos dar información detallada. Esta é tamén unha fase previa á distribución. Este ano queremos introducirnos nos circuitos de festivais e ver en que grao podemos chegar ás salas. Neste sentido, os resultados dos festivais son importantes.

Como respondiu o público trala preestrea?

A verdade é que moi ben. Moita xente decíanos que tiñamos que seguir contando máis historias sobre A Coruña.Non é doado levantar financeiramente según que proxectos. Podo adiantar que DangaDanga está inmersa noutro documental vencellado a Galicia, mais non é posible desvelar nada máis.

“Esquece Monelos” preserva a memoria de lugares e xentes

O río Monelos, que nace no lugar de Castiñeiras, en Elviña, recibe distintas denominacións segundo os treitos. De case 7,5 kilómetros, atravesa os terreos do antiguo concello de Oza, anexionado pola Coruña en 1912. Foi canalizado a medida que avanzaba o desarrollo urbanístico, ata desaparecer completamente do entorno urbano.

O documental válese da desaparición do río baixo a cidade da Coruña para reflexionar sobre como se perde a memoria dos lugares e das súas xentes. É un percorrido cinematográfico polo río que propicia unha viaxe pola vida mesma de quen conta a historia, amáis dun retrato colectivo que fala dos medos e as inquedanzas que acompañan o avance inexorable do tempo.

O proxecto foi subvencionado en 2015 pola Axencia Galega das Industrias Culturais, dentro do seu programa de promoción do talento audiovisual, e conta coa colaboración do Concello e da Deputación da Coruña.