O seminario Oportunidades de emprego a través da economía social e das novas economías é unha iniciativa aberta á cidadanía que se desenvolverá mañán venres, 16 de decembro, no Centro Cívico Os Mallos.

A proposta, organizada coa colaboración da Unión de Cooperativas de Traballo Asociado (Ugacota), forma parte da liña de fomento do emprego a través da economía social e do cooperativismo promovida desde o Concello da Coruña.

O seminario, no que participarán representantes de entidades como Mondragón, Coop57, Nós Enerxía ou Zocaminhoca, pretende dar a coñecer realidades económicas e oportunidades de emprego no ámbito da economía social e das coñecidas como novas economías.

Durante o seminario expoñeranse as características das distintas fórmulas, distinguindo entre economía social, colaborativa, ben común e outras modalidades, como os principios de funcionamento e as entidades que forman parte delas, ademais de poñer sobre a mesa casos reais, de éxito ou referencia, para dar a coñecer un modelo que comparten nestes momentos máis de 2.230.000 persoas e 43.000 entidades en todo o país.

A economía social, unha opción real?

Haberá espazo no decurso do seminario para a reflexión sobre se estas novas economías poder ser unha opción real ao modelo económico predominante, ou un referente ao que aspirar e aplicar. Debatirase que papel poden xogar no emprego e as condicións laborais e de vida das persoas, entre outras reflexións e diálogos que se poidan establecer encol deste tema.

A inscrición no seminario, que é gratuíto, pode realizarse a través da páxina web da Unión de Cooperativas de Traballo Asociado, na que se atopará toda a información sobre os relatores, así como os distintos horarios dos parladoiros e mesas redondas.

Unión de Cooperativas de Traballo Asociado é a entidade que representa ao cooperativismo de traballo asociado en Galicia. És unha asociación sen ánimo de lucro de ámbito galego e plurisectorial. Asocia a máis de 110 cooperativas de traballo, con distintas actividades empresariais.