CORUÑA MAGAZINE / Gran Hotel Abismo é o título do novo cómic de David Rubín no que, traballando con guión de Marcos Prior, se amosa unha distopía na que o capitalismo máis atroz e despiadado domina e controla o aparato do Estado. A obra preséntase ás 19 horas do sábado 17 de decembro en Alita Cómics (Orzán, 94. A Coruña).

Os autores amosan unha sátira política ambientada nun futuro non moi afastado, con acción por milleiros, reflexión e experimentación formal. Nun mundo onde o neoliberalismo é practicamente unha relixión de Estado, asistimos a unha especie de danza de Shiva que representa a lei de conservación da violencia da que falaba o sociólogo Pierre Bourdieu.

A disimulada violencia institucional e estrutural dos mercados financeiros aliados co Estado dá paso a unha violencia tanxible que ocupa as rúas e prazas sementando o caos e trastornando a orde social.

Marcos Prior e David Rubín xogan con varios elementos emocionais sobre os que se sostén un cómic de xeito evidente visceral. Rubín recrease na composición e tira dunha ampla paleta de cores para poñer en imaxes un suxestivo texto d Prior, sempre inclinado a incidir sobre cuestións sociais, políticas e vitais que lle preocupan.

Gran Hotel Abismo

David Rubín (Ourense, 1977). Estudou deseño gráfico na Escola de Arte Antonio Faílde e pouco despois lanzouse a traballar tanto no sector do cómic como no da animación e a ilustración.

A historia contida no Circo del desaliento (Astiberri) Onde ninguén pode chegar foi a gañadora do primeiro premio Castelao de cómic da Deputación da Coruña en 2005, e viu a súa edición en galego, castelán, italiano e francés. No 2006 foi nomeado aos premios do salón de Barcelona na categoría de autor revelación polo Circo del desaliento, gañou o premio de La Cárcel de Papel dese mesmo ano e o primeiro premio na categoría de cómic do Injuve por varias das historias contidas neste libro.

Membro fundador do colectivo de autores de cómic Polaqia, xunto ao que editou o fanzine Barsowia, colaborando ademais en multitude de publicacións como Tos, Humo, Dos Veces Breve, Bd Banda, Fanzine Enfermo ou Desde el abismo, entre outras.

Antes de “Gran Hotel Abismo”, a historia de Heracles

Rubín revisitou a historia de Heracles desde o seu nacemento, mostrando baixo un novo e ambicioso prisma, unha a unha, as doce probas que realizou en O heroe 1 (Astiberri, 2011) e O heroe 2 (Astiberri, 2012). Tamén ilustrou a recompilación dos contos de Robert E. Howard sobre Solomon Kane editada por Astiberri en 2010.

Entre os seus últimos traballos publicados atópanse unha adaptación do poema épico Beowulf (Astiberri, 2013), en colaboración con Santiago García, dous spin-off de Battle Boy, de Paul Pope, centrados no personaxe de Aurora West, que xa foron publicados en castelán: El momento de Aurora West (Mondadori, 2014) e La caída de la casa West (Mondadori 2015), e a obra La Ficción (Astiberri 2015), unha nova incursión no mercado estadounidense, guionizada por Curt Pires.

No ano 2015 produce a súa versión do entremés de Cervantes El retablo de las maravillas, que Astiberri publica xunto coa serie de ilustracións de Miguelanxo Prado Miguel en Cervantes, e que serve como catálogo da exposición organizada na Casa-Museo de Cervantes, prologando a conmemoración do IV Centenario do pasamento do escritor para o 2016.

E é neste último ano no que, xunto co guionista Marcos Prior, trae ao público a súa a gardada obra Gran Hotel Abismo, chamada a remover as apagadas conciencias da sociedade española actual.

Actualmente traballa na serie Ether, con guión do estadounidense Matt Kindt para a editorial Dark Horse