CORUÑA MAGAZINE / Na Coruña atópanse dúas das poucas colonias de cirrio (vencejo) pálido existentes en Galicia. No número 2 da Rúa Nova aniña a máis importante da cidade, cuxa reprodución pode verse afectada polas obras de rehabilitación que se están a desenvolver no edificio.

Desa situación advirten o Grupo Naturalista Hábitat, a Sociedade Galega de Ornitoloxía e o grupo local de Pontevedra da Sociedad Española de Ornitología nun informe elevado á Xunta de Galicia así como aos servizos municipais de Urbanismo e Medio Ambiente da Coruña.

Os cirrios utilizan as fendas dos edificios para facer os seus niños e reproducirse entre a primavera e o verán. No número 2 da Rúa Nova aniñan entre 10 e 20 parellas destas aves invernantes en África, protexidas por lei e que exercen un control biolóxico das poboacións de insectos, que atrapan en voo.

A acción coordinada pode minimizar o impacto das obras sobre a colonia de cirrios

Estes colectivos naturalistas piden ás administracións públicas que se faga o posible por non interferir no período reprodutivo das aves poñendo en práctica as seguintes medidas:

Retirar as redes da fachada para garantir o acceso aos niños
Paralizar, ata o fin do período de cría, as unidades das obras que interfiran na reprodución
Non tapiar os espazos de nidificación

Hábitat e as sociedades ornitolóxicas consideran que a acción conxunta de autoridades, empresas e entidades conservacionistas pode minimizar o impacto das obras, compatibilizando a súa execución coa conservación do patrimonio natural e arquitectónico.

Lembran que este tipo de accións en común xa foron aplicadas con éxito noutros casos en Galicia, e poñen como exemplos a Muralla de Lugo, a igrexa da Nosa Señora das Dores de Lalín ou a ponte romana de Ourense.

Os cirrios, auténticos acróbatas aéreos, regresaron a principios da primavera á Coruña tras pasar meses no aire. Desde que emigran a África ata que volven, non se pousan nin un instante, pois só se dedican a voar.

No seguinte vídeo, publicado o pasado luns na conta de YouTube de SEOBirdLife – Sociedad Española de Ornotología, obsérvanse as dificultades dunha bandada de cirrios para acceder aos niños así como para librarse das redes.


Foto de portada: exemplar de cirrio voando arredor do edificio en obras da Rúa Nova / Andrés Pereira