GUILLERMO PARDO / O Álbum da Ciencia é como o Panteón de Galegos Ilustres, pero vencellado ao eido científico. Trátase dun dicionario histórico no que o Consello da Cultura Galega compilou arredor de 300 biografías de nacidos e non nacidos en Galicia que fixeron aportacións fundamentais no ámbito científico galego.

Presentado nunha páxina web que se pode consultar por orde alfabética ou por disciplinas, o Álbum de Ciencia é unha enciclopedia da excelencia e dos protagonistas do legado científico que recibimos de homes e mulleres entregados á investigación e a divulgación da ciencia en Galicia.

Na forma, está configurado coma un catálogo dun tipo de cultura insuficientemente coñecida: a que emana da práctica científica desenvolvida en e para Galicia, un patrimonio esencial que ten a súa base no traballo dos mellores e dos máis destacados científicos e científicas da historia do país.

Grazas a esa configuración non é preciso facer múltiples búsquedas na Internet para saber do labor de Ramón María Aller como iniciador da investigación astronómica en Galicia, que Ángel Baltar Cortés foi promotor do primeiro sanatorio cirúrxico ou que Ángela Ruiz Robles aparece como inventora da enciclopedia mecánica.

Polo esforzo de compilación feito nesta wikipedia da ciencia galega sabemos que Gumersindo Sánchez Guisande foi un adiantado da medicina pediátrica, que Ángeles Alvariño González é referente internacional no estudo do zooplancto mariño ou do extenso e intenso labor de Isidro Parga Pondal – autor do primeiro artigo científico en galego (1927) e creador do Laboratorio Xeolóxico de Laxe – no eido da xeoloxía e a súa aplicación industrial.

Moitos dos biografiados naceron en Galicia, mais outros teñen a súa orixe noutras partes do Estado e mesmo fóra del, coma o francés Charles Barrois, o alemán Heinrich Moritz Willkomm ou o dinamarqués Johan Martin Christian Lange. Todos contribuiron a dar pulo e a modernizar a ciencia en Galicia.

O Álbum da Ciencia parte das 201 biografías elaboradas para o Dicionario Histórico de Científicos Galegos

Iniciado no ano 2011, o Álbum da Ciencia en como punto de partida as 201 biografías elaboradas para o Dicionario Histórico de Científicos Galegos polo grupo de traballo de Historia das Ciencias do Seminario de Estudos Galegos en 1993 e 2005. Todos os textos están asinados por especialistas, co respaldo do Consello da Cultura Galega.

Na iniciativa desta institución para contribuir ao fomento e á divulgación da cultura científica traballou un amplo equipo de profesionais dirixido por Xosé Antón Fraga Vázquez, biólogo, exdirector dos Museos Científicos Coruñeses, membro da sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello e actual director do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses.

Álbum da Ciencia

Fraga Vázquez dirixiu o equipo que elaborou o Álbum da Ciencia / Foto: Eduardo Castro Bal

Que valor e que significado ten o Álbum da Ciencia?

O principal valor reside en que dá a coñecer aos protagonistas da ciencia relacionados con Galicia. Amosa que os galegos fomos quen de facer ciencia de primeira división. Tamén me parece relevante dicir que ofrecemos algo que é único no caso do Estado español. En Galicia, por outra banda, non dispoñemos de repertorios biográficos similares noutras disciplinas de estudo con moita tradición.

Coñecemento dos protagonistas e tamén recoñecemento, non sí?

Esa é unha cuestión importante no Álbum da Ciencia: facilitar que a xente que sabe quen foi ou lle soan Curros, Rosalía, Cornide, Barrié, Cela, etc., saiba tamén ou empecen a soarlle nomes de persoas de similar relevancia pero que traballaron en ciencia. Hai, pois, algo de alfabetización e de certa reparación de esquecementos: que médico atendeu a Castelao na morte, ou no parto a Rosalía, saber que o núcleo da Mariña en Ferrol foi a complexo industrial-científico máis potente de Galicia no século XVIII…

O Álbum da Ciencia, único en España

En que fase se atopa nestes momentos? Está prevista a súa ampliación?

A incorporación de biografías está, en termos xerais, rematada. Mais como é un produto online, que se pode modificar, o que toca agora é revisalas, actualizalas, introducir novas imaxes, etc. Un labor que nunca rematará. Por outra banda, queremos mellorar a funcionalidade da páxina. Por exemplo, integrar un sistema de busca que traballe con todos os textos. De xeito complementario estamos creando unha sección que recolla textos de ciencia publicados en galego e unha selección de biografías, unhas 30, presentadas de xeito accesible para que servan como carta de presentación do Álbum da Ciencia ante un público amplo.

Terán cabida os novos talentos científicos galegos ou relacionados coa ciencia en Galicia?

Adoitamos recoller biografías de persoas xa mortas. Será tarefa dos que veñan despois integrar as deses novos valores, coa preocupación de que bastantes deles, se as cousas non cambian, van realizar as súas contribucións científicas en países estranxeiros.

Por motivos históricos, políticos e sociais, a presenza de científicas está reducida a oito mulleres. Solucionarase esa situación agora que eses motivos non están xustificados?

Esa desigual presenza constata algo sabido, a histórica discriminación de xénero que sufriu a muller. Ata 1910 tiñan que pedir permiso para cursar estudos secundarios e universitarios e non podían exercer como profesionais. Na actualidade mudou susbtancialmente a situación. A presenza de mulleres nos estudos de ciencías e nos centros de investigación medrou moito, porén aínda seguen a seren minoria nos postos superiores e cargos de responsabilidade.

“É importante que se asocie o galego a algo tan contemporáneo como é a ciencia”

O álbum está dispoñible en galego, mais o traballo dos científicos no ten fronteiras. Hai previsión de ofrecelo noutros idiomas?

Está en galego porque é a lingua oficial do país que se atopa nunha crara situación de inferioridade con relación ao castelán e porque é importante que se asocie o galego a algo tan contemporáneo como é a ciencia. De todos os xeitos, pretendemos ofrecer tamén as biografías noutros idiomas, polo menos algunhas, en castelán e inglés.

Estamos en maio, mes das Letras Galegas. Se temos en conta os homenaxeados, non parece que a literatura científica vaia ter o seu día…

A Academia Galega de Ciencias nomea cada ano a un científico, este ano ao botánico Baltasar Merino. Para un científico é máis complicado publicar os seus achados en galego, pero a Academia da Lingua podería botar man de persoas como Isidro Parga Pondal, que publicou artigos técnicos en galego.

Cal é o nivel dos científicos e científicas que aparecen no Álbum da Ciencia?

A xente relacionada coa ciencia en Galicia tivo e ten un nivel perfectamente comparable co doutras profesións. Iso ten o seu mérito, pois, entre outras cousas, a educación superior en ciencias, a formación de científicos, non contou en Galicia cos medios que dispuxo noutras latitudes. Un dato: entre 1869 e 1922 non houbo Facultade de Ciencias en Galicia, e cando retornou foi só como Facultade de Químicas. Nese sentido, escasean, como pasa no resto das actividades profesionais, figuras de impacto internacional, pero existe un número notable de especialistas dun nivel medio-alto.

“Ángeles Alvariño aparece entre as 1.000 biografías de científicos seleccionados como os máis relevantes da historia”

É posible facer uns apuntes rápidos dalgúns deles que permitan unha visión aproximada da súa importancia científica?

Ángeles Alvariño foi importante. Aparece entre as 1.000 biografías de científicos seleccionados como os máis relevantes da historia, a única de España. E pelexou bravamente, en Vigo (no Instituto Oceanográfico) e en EE.UU. por defender a súa carreira fronte os prexuizos machistas. Ramón de la Sagra foi o primeiro agrónomo americano. Xosé Rodríguez, o matemático, participou cos mellores científicos do momento para determinar con exactitude a lonxitude do metro. E temos a Nóvoa Santos, Antonio Casares Gil. E Antonio Casares Rodríguez, Guarnerio e Olivares probando a anesteia en Santiago de forma pioneira. A Ramón Varela de la Iglesia, que traducía o máis actual da medicina alemá en poucos días e sacaba, pola súa conta, textos para todos os médicos de España. Ou Fontán, anos a cabalo para facer o mapa de Galicia. Ou Isidro Parga.


Na imaxen principal aparecen, de esquerda a dereita e de arriba abaixo: Ángeles Alvariño, Ramón María Aller, Juan Barcia Goyanes, Buenaventura Andreu e Santiago Castroviejo